26/5/08

Despedímonos ata o outono

O luns 26 de maio celebrouse na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura rematou a súa terceira tempada de existencia cunha sesión na que, tal e como anunciamos, celebramos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contamos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallamos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia. As fotos son da derradeira sesión deste exercicio. No outono, volveremos puntualmente á nosa cita con novas ideas e con enerxía renovada. Ata entón.








25/5/08

Este luns, a sesión de despedida

Como nos anos anteriores, o próximo luns celebraremos a última sesión do Contomar por esta tempada. Volveremos novamente en setembro. A última sesión será o 26 de maio, coma sempre ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura despídese así nesta súa terceira tempada cunha sesión na que celebraremos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contaremos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallaremos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia.



O Contomar botou a andar no mes de febreiro do 2006 e mantívose activo até a actualidade, dando lugar ao nacemento da asociación de fomento da lectura Espazo Lectura que puxo en marcha nestes últimos meses novas propostas de dinamización como o club de lectura compartida Lendo contigo ou a campaña Bookcrossing no Val Miñor. Neste último curso contáronse case 200 contos nas 30 sesións celebradas, ás que asistiron unha media de 35 nenos e nenas por sesión, cun total de 70 nenos que se fixeron socios da actividade.

Tamén celebramos SESIÓNS ESPECIAIS con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.), nas que procurabamos agasallar os nenos e nenas con contos e propoñer algunha actividade especial. Durante este curso tamén se fixeron outro tipo de sesións especiais en que contamos coa presenza de convidados como a ilustradora Chus Ferrín ou o grupo de música e teatro Migallas.

AS SESIÓNS realizáronse sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura. Pretendemos, polo tanto, que vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e faise fincapé nos nomes dos autores e dos ilustradores, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil. Durante estes dous anos e medio fomos chamados por diversos centros de ensino do Val Miñor para realizar sesións nas escolas e colexios.

Con esta actividade Espazo Lectura pretende ofrecer en Gondomar un lugar estable de encontro cos libros e a lectura no que as familias teñen un papel fundamental. Pretende ademais dinamizar a Biblioteca Municipal e convertela nun referente habitual para os nenos e nenas e para as familias, nun esforzo por consolidar os hábitos lectores e culturais.

18/5/08

Máis historias de amor

No Contomar de mañá, teremos máis historias de amor. A nova sesión do acollerá títulos fermosos como Un segredo do bosque (de OQO editora) ou o Discurso do oso (de Kalandraka). Estaremos, coma sempre, ás seis da tarde na Biblioteca Pública de Gondomar e será a penúltima sesión do Contomar, que rematará, como os anos anteriores, o derradeiro luns do mes de maio para volver en setembro. Lembrámoslles ás nenas e nenos que non esquezan selar os seus carnés para conseguir leóns.



12/5/08

Historias de amor


Hoxe no Contomar teremos historias de amor: Amores de gato e rato, Sal e azucre, Sígueme! ou Hilderita e Maximiliano serán algúns dos textos que lles acheguemos aos nenos para falar do amor. Tamén celebraremos o cumprecontos dunha das nosas amigas, Ángela, coa historia de Coco e a lúa.

5/5/08

O cumprecontos de Emma

Esta tarde celebramos no Contomar o cumprecontos de Emma, unha das nosas amigas que hoxe facía sete anos. Ela escolleu para celabralo A casa dos gatos: nós contámosllo, cantámoslle, pintámoslle unha bolboreta na cara e regalámoslle un conto, co desexo de que os libros e as historias camiñen sempre con ela.


Ademais do conto que Emma escolleu, xogamos e viaxamos polo mundo con Catarina, o Oso e Pedro e soubemos da experiencia difícil de ter unha irmá pequena con Un problema grande e Puag, que noxo!