21/2/08

Non temos medo!

Na próxima sesión do Contomar, o luns 25, ás 18:00h, na biblioteca municipal de Gondomar, imos falar dos medos infantís. Contos como O Papón, O monstro de Ricardo, Onde viven os monstros ou Comemedos hannos axudar a achegarnos cos nenos e nenas a este tema.


16/2/08

Contos de animais

A próxima sesión do Contomar, o luns día 18, celebrarase en torno a libros que teñen diferentes animais como protagonistas: O zoo de Xoquín, Pequechos das terras polares, Pequechos da selva, O oso e o corvo ou Rita serán algunhas das historias que compartiremos cos nenos e nenas.
Ademais, celebraremos o cumprecontos de Anxo, un dos nenos do Contomar, que escolleu Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis como o seu favorito.


11/2/08

O exemplo do Contomar

As actividades e o blog do Contomar, organizadas por Espazo Lectura, son postas hoxe como exemplo polo xornal dixital de A Nosa Terra, que salienta a súa importancia fronte ao descenso de dous puntos dos índices de lectura en Galicia durante o último ano.

7/2/08

Crocodilos e xirafas no próximo Contomar

O próximo luns 11, Luns, coma sempre ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar, a sesión do Contomar abordará contos que teñen como protagonistas a crocodilos e xirafas. Reproducimos a nota de prensa:


O programa de fomento da lectura CONTOMAR, que organizan a ANPA As Pontes e o colectivo Espazo Lectura, celebrará o próximo luns unha nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal de Gondomar con historias de crocodilos e xirafas. A sesión comezará cun relato fantástico sobre o nacemento dos crocodilos e continuará logo cos tres volumes da serie de crocodilo e xirafa de Daniela Kulot: Crocodilo namorado, Unha casa á medida e Unha parella diferente. Incluiremos tamén na sesión o poema visual Crocodilo de Antonio Rubio e Óscar Villán.
Ademais celebraremos os cumprecontos de dúas nenas socias do Contomar e, ao remate da sesión, os nenos poderán pintar unha xirafa ou un crocodilo.
Logo do descanso do entroido, o Contomar retoma así as sesións semanais de contacontos que desde hai case dous anos celebra na Biblioteca Municipal nun esforzo por crear en Gondomar un espazo de encontro cos libros e a lectura que agora se complementa coa nova proposta do club de lectura compartida Lendo contigo.

1/2/08

Descanso de entroido

Este próximo luns día 4 non haberá sesión do Contomar. Desexámosvos que gocedes do entroido e da variada oferta de actividades que estes días imos ter en Gondomar. Vémonos de novo o día 11 de febreiro.