28/4/08

Máis contos...

Logo desta intensa semana de actividades organizada por Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, para celebrar o Día do Libro, mañá teremos unha nova sesión do Contomar con máis contos: Petra, Tres desexos, Ollobrusco ou O abrigo misterioso serán algunhas das historias que nos acompañen.

Ademais, celebraremos o cumprecontos de David, un dos nenos do Contomar, que fai catro anos. Cantarémoslle, pintarémoslle a cara, farémoslle un agasallo e contarémoslle o seu conto preferido, O gato lambón.

14/4/08

Cantos contos!

Hoxe 35 nenos e nenas participaron nunha nova sesión do Contomar pola que pasaron unha chea de contos: Orellas de bolboreta, Pétala, Un gato na árbore, Mariluz avestruz, Teño ganas de... e A noite das mudanzas. Todos estes contos foron desfilando baixo a atenta mirada do monstro peludo que, ao final, tamén nos quixo contar a súa historia cun rei e unha nena...


6/4/08

Cantos lobos

Este próximo luns os contos de lobos serán os protagonistas do Contomar. Aproveitando os traballos que realizaron as nenas e nenos asistentes ao obradoiro de ilustración de Chus Ferrín e que inundan os espazo da biblioteca, no Contomar serán esta vez os lobos –bos e malos– quen tomen a palabra desde historias como Carapuchiña vermella, Loboferoz, ¿Quen lle ten medo ao lobo?, Os sete cabritos e Os tres porquiños. Chus Ferrín púxonos en contacto con eles a través do seu libro Unha de lobos. Así que seguimos con eles. ¡Cantos lobos!


1/4/08

Segundo aniversario

O segundo aniversario do Contomar celebrouse onte na Casa da Cultura de Gondomar coa actuación especial de Migallas e unha gran afluencia de público.