28/3/08

Celebración no Contomar con Migallas

O Contomar cumpriu dous anos o pasado mes de febreiro. Agora, o vindeiro luns 31 de marzo celebrarémolo. Será, coma sempre ás 18:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, pero esta vez contaremos coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. En Espazo Lectura queremos celebrar deste xeito os dous anos do Contomar, dous intensos anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a contar contos. Porque o máis fermoso do Contomar é que contan as nais e os pais. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a escoitalo. Entre toda e todos, fixemos que o Contomar sexa un referente da animación lectora no Val Miñor.
O Contomar do luns será unha sesión moi especial para este segundo aniversario. Esperámosvos.





14/3/08

Vacacións no Contomar

Este pasado luns os nenos do Contomar souberon do medo que pasou Cocorico mentres Gato Pelado estiraba a pata para collelo e papalo, divertíronse vendo todas as cousas que Se eu fose moi alto podería facer, respiraron aliviados cando o león conseguiu o silencio que precisaba A tartaruga que quería durmir e cantáronlle "Parabéns para ti" a Noa e mais a Emma, dúas das amigas do Contomar que celebraron connosco os seus cumprecontos: Noa co seu conto preferido, O galo Quirico, e Emma co seu, A ratiña presumida.

Agora, logo de tanta actividade, o Contomar vai coller vacacións e regresará o luns, 31 de marzo, ás 18:00h, coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. Celebraremos así todos xuntos que levamos xa dous anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Boas vacacións e até o 31 de marzo!

1/3/08

Contos para contar

Pódense contar historias e pódense contar tamén números. Na sesión do Contomar do próximo luns 3 de marzo, imos contar historias con números. O Libro de contar, Manu, A cebra Camila, As once damas, Inventando números ou Ser quinto serán algúns dos álbumes que protagonizarán a sesión.