28/1/08

Queremos a paz

Esta semana celébrase o Día da Paz e desde o CONTOMAR queremos contribuír á necesaria reflexión sobre o que a palabra PAZ significa. Por iso este luns teremos na nosa sesión contos para a paz. Algunhas das historias levarannos a falar dos conflitos bélicos e as súas consecuencias (Flon-Flon y Musina , De como Fabián acabó con la guerra ou Un barco no ceo) e con outras achegarémonos a unha dimensión máis cotiá da paz, porque a convivencia pacífica é cousa de todos: O sorriso de Daniela, Os tres bandidos ou Palabra de crocodilo.


25/1/08

Miguel Vázquez Freire estará en Lendo Contigo

Este próximo sábado 26 de xaneiro o escritor Miguel Vázquez Freire estará ás 12:oo horas na biblioteca municipal de Gondomar para participar na 2ª sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, unha actividade de dinamización lectora que promoven Espazo Lectura e a ANPA As Pontes. O libro proposto para este encontro é Contos de Reis e de Nadal, aínda que se recomendaron tamén outros libros do autor.

24/1/08

Comentarios

A consecuencia dalgúns cambios estruturais que levamos a cabo no blog do Contomar, perdéronse os comentarios que algunhas persoas deixaran nas distintas entradas. Pedímoslles desculpas a esas persoas e agradecemos a súa preocupación e colaboración.

20/1/08

O inverno

Este luns, día 21 de xaneiro, a sesión semanal do Contomar vai ter como tema central o inverno. O libro do inverno vainos servir para comentar cos nenos e nenas as principais características da paisaxe e dos nosos hábitos cotiáns no inverno. Tamén nos acompañarán os contos O inverno do señor Oso, Pegadas xigantes e U-la neve? E para aqueles nenos aos que lles están a caer os dentes, Oso e o seu dente.

Ademais, para favorecer un mellor coñecemento da obra do escritor Miguel Vázquez Freire, que nos acompañará este próximo sábado, día 26, ás 12 da mañá, no Club de lectura compartida Lendo contigo, contaremos tamén dous dos seus contos para os máis pequenos: O robot que lle tiña medo aos nenos/O neno que lle tiña medo aos robots e María é maior.


11/1/08

Contos clásicos

Logo das vacacións de Nadal, o programa de fomento da lectura CONTOMAR regresa este próximo luns á Biblioteca Municipal cunha sesión dedicada aos contos clásicos. "Carapuchiña vermella", "Os tres osos", "O galo Quirico" ou "Polgariño", xunto con novas propostas desas historias tradicionais como "A verdadeira historia de Carapuchiña", serán algúns dos contos que poderemos escoitar o próximo luns. Ademais, celebraremos o cumprecontos dunha das nenas do CONTOMAR que fai 4 anos.

Retomamos así o programa semanal de contacontos que, desde hai case dous anos, desenvolvemos na Biblioteca Municipal de Gondomar e que durante o primeiro trimestre deste curso contou cunha media de asistencia de 42 nenos por sesión.