21/12/07

Vacacións no Contomar

O Contomar cesa as súas actividades desde o 17 de decembro (última sesión de contacontos do 2007 ) até o 14 de xaneiro de 2008.

16/12/07

Carta aos Reis Magos

O próximo luns o programa de fomento da lectura CONTOMAR ofrecerá unha sesión de contacontos que terá forma de carta aos Reis Magos. A través de contos como "Nadarín", "Avós", "Unha manchea de bicos" ou "Onde os gardarei para que non se perdan", pedirémoslles cos nenos aos Reis Magos un mundo máis xusto e solidario, cun maior coidado da natureza e con máis amor e respecto entre as persoas.



A sesión incluirá, ademais, a celebración dun "cumprecontos" no que lle dedicaremos a unha nena que fai anos o conto "Un agasallo diferente" e rematará coa lectura do conto de Kiko da Silva "Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis".

Con esta sesión, o programa semanal de contacontos CONTOMAR colle vacacións de nadal até o 14 de xaneiro.

11/12/07

A auga e as comidas no Contomar

Logo da sesión especial con Berrobambán Teatro e o seu espectáculo Un conto que nin pintado, á que asistiron unhas 130 persoas que ateigaron as sala da Casa da Cultura, o Contomar volveu nestas dúas últimas semanas ás súas sesións habituais de contacontos na biblioteca.

O luns 3 a protagonista da sesión foi a auga. Coa axuda dos Bolechas e das tres xemelgas, falamos do necesaria e importante que é a auga para a vida (Os Bolechas queren saber que é a auga) e explicamos que debemos consumila con responsabilidade e que non debemos estragala (Os Bolechas rifan no cuarto de baño e As tres xemelgas, tres gotas de auga). Tamén houbo contos que nos achegaron a algúns animais e seres fantásticos que viven na auga, como os Gordibolas, que nos deixaron as súas historias e unha canción que cantaron entusiasmados os nenos e nenas do Contomar.




O luns 10 falamos das comidas, da importancia dunha alimentación variada, e falamos tamén dos nenos que comen ben e dos nenos que non comen tan ben... O marciano Marcial, Que tal, vexetal?, Conto para non comer, A eiruga larpeira, Conto para contar mentres se come un ovo frito ou A casa da mosca chosca foron algunhas das historias que nos acompañaron.

22/11/07

Berrobambán Teatro no Contomar

Berrobambán Teatro actúa este luns no CONTOMAR

Luns, 26 de novembro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar

O próximo luns a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a representación do espectáculo de animación á lectura "Un conto que nin pintado" da compañía Berrobambán Teatro, dentro da programación do proxecto de fomento da lectura CONTOMAR que organiza a Asociación de Nais e Pais As Pontes. Con esta proposta queremos enriquecer a oferta de actividades que promove o CONTOMAR e contribuír a reforzar o traballo de fomento da lectura que semana a semana, desde hai case dous anos, realizamos coas sesións de contacontos.




Un espectáculo de animación lectora

Neste espectáculo Berrobambán emprega o teatro como medio de achega á animación á lectura, pois a lectura enriquece o imaxinario do público infantil e crea unha ponte coa ficción indispensable para a creación artística. O xogo do teatro, a miúdo con claves de clown, recrea os procesos que compoñen a elaboración dun libro: o seu xermolo, a inspiración, a redacción, a ilustración, a edición, ata chegar ás mans d@s lectores/as. É un espectáculo de pequeno formato, case coreografidos entre un par de actores e moito, moito papel. O libro está presente non só na propia historia, senón tamén de forma físca nos obxectos, converténdose así no único e real protagonista do espectáculo.


18/11/07

O próximo luns viaxaremos aos soños

O próximo luns, día 19, ás 18:00h, o programa de promoción da lectura CONTOMAR dedicará a súa sesión de contacontos ao mundo dos soños con libros como «O soño do osiño rosa», «Papá, por favor, consígueme a lúa», «Sacapenas» ou «La cabeza en las nubes». A través destas historias pretendemos reflexionar cos nenos sobre todo o que pode caber no mundo dos soños, desde as ilusións e as fantasías até os pesadelos e os medos, tanto que soñemos durmidos como que soñemos espertos. No remate da sesión os nenos poderán pintar as súas impresións sobre este tema ou sobre as historias que se van contar.


17/11/07

Cada un é como é

O pasado luns falamos no Contomar de que «Cada un é como é», e fixémolo con contos, claro.
Sofía, a vaca que amaba a música
, ¿Cal é a miña cor?, O patiño feo ou Si, son gorda foron algunhas das historias que nos permitiron reflexionar sobre a importancia de aceptar a cadaquén como é, porque todos somos diferentes. Tamén lemos un poema e cantamos. Coma sempre, pasámolo xenial...

6/11/07

Os chibos chibóns nas mans

Un instante da última edición, hoxe, do Contomar.

1/11/07

Historias con animais

O próximo luns, 5 de novembro, terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar unha nova sesión de CONTOMAR, o proxecto de promoción da lectura que organiza a ANPA "As Pontes" do CRA Antía Cal. Nesta ocasión teremos como protagonistas diferentes historias de animais con contos como "Loboferoz", "O gato lambón", "O elefante que non era elefante", "Chibos, chibóns" ou "Os tres porquiños".

CONTOMAR chega así á 4ª sesión desta tempada con 61 nenos e nenas que se fixeron xa socios e unha asistencia de case 50 nenos na sesión da pasada semana, na que, ademais de contar historias sobre o outono, puidemos celebrar os dous primeiros cumprecontos.

19/10/07

O regreso á escola, tema do próximo luns

O regreso á escola será o tema da nova sesión de CONTOMAR o próximo luns, con contos como "O primeiro día de escola de TEO", "Iago vai á escola" ou "Mila vai á escola", historias que nos permitirán reflexionar cos nenos e nenas sobre o cambio de hábitos que supón a fin do verán e o comezo das clases. Ademais, incluiranse outras historias como "A viaxe das bolboretas", "As fabas máxicas" ou "Os tres porquiños".

Será o luns, 22 de outubro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

16/10/07

Comeza unha nova tempada

As sesións terán lugar todos os luns ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. A Asociación de Nais e Pais "As Pontes", do CRA Antía Cal de Gondomar, retomou onte o proxecto de dinamización lectora CONTOMAR que inclúe, entre outras actividades, unha sesión semanal de contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos na Biblioteca Muncipal.
A primeira sesión deste curso, que se celebrou onte coa asistencia de máis de 40 nenos e nenas, levou por título "Pasámolo ben, pero temos normas" e incluíu, ademais dun repaso das normas de uso da biblioteca, contos que trataban da importancia de mantermos comportamentos respectuosos, solidarios e amables cara aos demais como "A xoaniña rosmona", "Eduardo, o neno máis terrible do mundo", "O poliño da abelaira", "A casa dos gatos" ou "O sorriso de Daniela".



A actividade de promoción da lectura "Contomar" chega así á súa terceira tempada nun esforzo por ofrecer en Gondomar un espazo estable e educativo de encontro cos contos e coa lectura e por fomentar nos nenos e nenas o hábito de acudir á biblioteca pública. Ademais das sesións semanais de contacontos a cargo dun grupo de nais e pais, o proxecto incluirá tamén, como en anos anteriores, actuacións especiais e encontros con autores e ilustradores.

Manteranse tamén propostas como o carné de socio con estrelas semanais e os diplomas de asistencia para premiar a fidelidade dos nenos e das familias. Por último, este ano incorporaremos, ademais, a novidade dos "cumprecontos", sesións especiais nas que converteremos en protagonistas dos contos aqueles nenos e nenas que fagan anos.